ESOMI

cab10.jpg

Eventos

 

CICLO: EUROPA FORTALEZA. FRONTEIRAS, VALADOS, EXILIOS, MIGRACIÓNS

1ª SESIÓN: A RESPOSTA DA UNIÓN EUROPEA ANTE A CRISE MIGRATORIA

 

 

 

 

Data: Mércores, 11 de maio de 2016 - 17:00 horas

Lugar: Consello da Cultura  Consello da Cultura Galega

Pazo de Raxoi, 2º andar -Praza do Obradoiro, s/n

15705 Santiago de Compostela

A cargo de: Carmen González Enríquez

 

Ante os fluxos migratorios, os países da Unión Europea abriron e pecharon historicamente as súas fronteiras, considerando os emigrantes como un recurso instrumental, mera forza barata de traballo. Sempre nunha perspectiva de mercado e curtopracista, facilitábase o acceso se se precisaba man de obra, multiplicando as trabas no caso de medrar o paro. A figura do Gastarbeiter exemplificaba unha economía política ignorante da elemental condición de seres humanos dos emigrantes, nin que dicir do seu estatuto de cidadáns e cidadás residentes. Unha política de orde pública, de contención, substituíu á necesaria política de inmigración. Con ou sen papeis, o tratamento oscilaba: quer multiculturalismo desinteresado, quer asimilacionismo compulsivo. En todos os casos as acomodacións razoables foron mínimas e os guetos inzaron as aforas das cidades.

Agora, constatado o fracaso na integración dos musulmáns nas sociedades de orixe cristiá, disque laicas e secularizadas, a chegada de refuxiados contéstase coa vulneración dos dereitos humanos mais básicos e o incumprimento das obrigas internacionais. Canto máis revé a soberanía, máis agroman os valados e se blindan as fronteiras. Mesmo se suspende unilateralmente o tratado de Schengen. En lugar de comprender e minorar as razóns que motivan o éxodo, concéntranse os esforzos en imposibilitar a entrada, mesmo externalizando o dispositivo en terceiros países. Pero acaso non constitúen os emigrantes e refuxiados dúas manifestacións dun mesmo fenómeno estrutural: a globalización neoliberal e os seus efectos: a depredación de recursos, a explotación internacional do traballo e o cambio climático? 

As migracións seguirán a producirse por razóns económicas, políticas e bélicas e climáticas. Este ciclo propón reflexionar, da man de recoñecidos/as especialistas, tanto sobre as diferentes dimensións do problema, como sobre as solucións institucionais e de políticas públicas ao desafío no que Europa xoga o seu porvir como sociedade democrática.

 

Carmen González Enríquez é Investigadora principal de Demografía, Poboación e Migracións Internacionais do Real Instituto Elcano, participará no Ciclo EUROPA FORTALEZA: FRONTEIRAS, VALADOS, MIGRACIONS coa conferencia titulada “A resposta da Unión Europea ante a crise migratoria”.


Máis información: http://consellodacultura.gal/evento/200464

ESOMI
SIGUENOS EN: facebook twitter facebook